AGE pregunta no Parlamento sobre as verteduras do emisario submarino da EDAR dos Praceres
Por Oskar Viéitez
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) pregunta no Parlamento de Galicia polos controis de vertedura na desembocadura do emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres. A pregunta, recollida pola Mesa da Cámara galega, persegue unha resposta sobre a periodicidade, os parámetros e a publicación destes controis.
Ademais os deputados de AGE interésanse por coñecer "por separado", que controis sofren tanto Elnosa coma Ence e a propia EDAR das verteduras de cada unha, antes de entrar no colector xeral submarino que parte da depuradora.
Antón Sánchez García, deputado de AGE, recordou que a ría de Pontevedra, ten pendente o saneamento integral, "o mesmo debería de ser cuestión prioritaria xa que existen focos de contaminación destacando pola súa repercusión os que manteñen a cualificación de zona C para ou marisqueo, debido á contaminación por fecáis", explica.
Para a formación nacionalista, o problema localízase "nun incompleto tratamento dos verquidos domésticos na EDAR dos Praceres e por outra banda o complexo industrial Ence-Elnosa, que utilizan no seu conxunto o mesmo emisario submarino da depuradora como saída a Ría de Pontevedra trala Illa de Tambo".
Para solucionar este problema, asegura Antón Sánchez, "é preciso determinar con precisión a magnitude destas dúas vertentes do problema, xa que existen numerosas dúbidas sobre a orixe da contaminación".