Marín pedirá axuda a outras administracións para mellorar a seguridade viaria en Pardavila
Por Redacción
O Concello de Marín anunciou este mércores aos veciños de Pardavila que pedirá axuda a outras administracións "para que se mellore a seguridade" no trazado da estrada PO-313 ao seu paso polo municipio e, e concreto, no punto no que nos últimos días unha veciña sufriu un triplo atropelo mortal. O obxectivo é que "se poida conseguir un menor risco para todos".
A alcaldesa de Marín trasladou este compromiso a representantes da asociación de veciños de Pardavila durante unha reunión celebrada este mércores co obxectivo de "xuntar esforzos e render contas das xestións que dende o Concello se realizaron para mellorar a seguridade viaria na PO 313 e que poderían realizarse de acordo coa Xunta de Galicia, que é o titular do vial".
A alcaldesa trasladoulles o contido das conversacións e reunións mantidas nos últimos días, dende o atropelo mortal, pois intensificáronse esforzos para mellorar a seguridade dunha vía da que María Ramallo asegura que viu incrementado o seu tráfico pola gratuidade da peaxe da AP-9 en Rande, "que provoca que tanto de ida coma de volta se utilice esta estrada autonómica para realizar os desprazamentos a Vigo".
Segundo explicou, estase a traballar en mellorar a sinalización, chamar a atención dos condutores en canto á velocidade e mellorar a iluminación da vía. Neste punto, queren impulsar unha mellora integral da iluminación e un estudo lumínico do vial a nivel autonómico.
REUNIÿN CO BNG
Tamén o BNG se reunirá cos veciños de Pardavila. Será nunha asemblea que se celebrará este xoves ás 20.00 horas no local que a Asociación Veciñal da Pardavila ten nas dependencias do Colexio Xoán XXIII para abordar a falta de seguridade viaria neste núcleo e en toda a PO-313 ao seu paso por Marín.
Dende o partido nacionalista recordan que "temos presentado múltiples iniciativas nos últimos anos sobre a falta de seguridade viaria nas estradas do Concello" e que delas as "máis salientables" son as que teñen que ver coa PO-551 e a PO-313. Segundo a voceira do partido en Marín, Pilar Blanco, en relación coa PO-313, a iniciativa máis recente foron as emendas presentadas no Parlamento galego con motivo da aprobación dos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2014. Lembra que "o PP rexeitou cos seus votos en contra que os orzamentos recollesen a partida necesaria para levar a cabo o proxecto de seguridade viaria nesta estrada".
"Entendemos que a PO-313 precisa urxentemente da adopción de medidas que melloren a seguranza viaria tendo en conta o elevado número de incidentes e a importante cantidade de peóns que transitan as súas marxes. A pesares de que o último accidente foi mortal a Xunta de Galicia non reaccionou e por parte do goberno local a súa alcaldesa limitouse a pedir un estudo dunha zona que xa está contemplada no Plan de Mobilidade do Morrazo aprobado pola Xunta", sinala Pilar Blanco.
Relacionadas:
-
Farois e semáforos para mellorar a seguridade en Pardavila
Por Redacción |
-
O BNG pide no Parlamento medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria en Pardavila
Por Redacción |
-
Os veciños de Pardavila maniféstanse para reclamar medidas de seguridade viaria na PO 313
Por Redacción |
-
Os veciños de Pardavila mobilizaranse para reclamar seguridade vial
Por Redacción |
-
Unha muller de 75 anos falece tras ser atropelada por tres coches en Pardavila (Marín)
Por Redacción | Creada e actualizada