RADIO.- Daniel Luque foi o toureiro máis completo da Feira da Peregrina para os tertulianos taurinos das 'Conversas na Ferrería'
Por Marisa Ciordia
Finalizada a Feira taurina da Peregrina toca facer balance dos dous festexos celebrados no podcast das 'Conversas na Ferrería'. Neste terceiro faladoiro, os participantes chequean o sucedido na praza de San Roque os domingos 6 e 13 de agosto. Como no programa anterior participan catro afeccionados locais: Raúl Martínez, Alejandro Calvo, José Maquieira - xestor da web Taurophilos -, e Juan Riveiro - presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra -.
Valoran as faenas realizadas polos seis espadas que conformaron os carteis desta edición: Sebastián Castella, Daniel Luque, Tomás Rufo, Morante de la Puebla, Julián López 'El Juli' e José María Manzanares; e tamén das dúas ganderías lidadas: Alcurrucén e Santiago Domecq.
Preguntados cal consideran que foi o toureiro máis completo coinciden en sinalar o nome de Daniel Luque. O destro sevillano interveu no primeiro dos festexos en substitución de Roca Rey e saíu aos ombreiros pola porta grande despois de cortar tres orellas. En canto ás reses, o mellor touro da feira ao seu xuízo foi o sexto deste último domingo. 'Remilgoso' de nome, un cuatreño negro listón de 505 quilos do ferro de Santiago Domecq que lidou Manzanares para completar o festexo deste día 13 de agosto.
De igual forma, expómoslles que botaron en falta e que lles sobro nesta Feira taurina. En canto a que lles faltou, unánimes: un sábado máis de festexo. E engaden que máis touro, unha mellor dirección de lida e mesmo - fóra xa de micrófono -, "que a TVG se decida a retransmitir unha corrida de touros". Pola contra, que estivo de máis: sinalan que lanzar almofadas ao rodo e a música en varios momentos de lídalas.
Todos os detalles deste repaso á xa rematada Feira da Peregrina están na ligazón que se adxunta e que permite escoitar o faladoiro e tamén desde a web de PontevedraViva Radio, na que se pode descargar o podcast.