Os bombeiros acceden por unha xanela para axudar dous nenos moi pequenos que quedaron encerrados nun cuarto
Por Natalia Puga
Os Bombeiros de Pontevedra interviñeron na mañá deste domingo para prestar axuda a unha familia cuxos nenos quedaron encerrados nun cuarto sen poder saír.
Ocorreu a partir das once da mañá nun piso da rúa Benito Corbal, onde os nenos, de moi curta idade, estaban na casa cos seus pais nun quinto piso.
Nun momento dado, os nenos quedaron encerados nun cuarto e os seus pais non podían abrir desde fóra nin eles eran capaces de abrir desde dentro.
A xanela desa habitación estaba aberta e pódese acceder desde a rúa Benito Corbal, de modo que os bombeiros desprazaron efectivos ata o lugar.
Coa axuda dun camión guindastre, accederon a través da xanela e procederon a abrir a porta.
O incidente non causou danos, dado que os nenos atopábanse ben e, durante todo o tempo que permaneceron encerrados, os seus pais tranquilizáronos desde o outro lado da porta.