Previsto un corte de tráfico na Rúa Rosalía de Castro durante este xoves 10
Por Redacción
O Concello de Pontevedra alerta de que este xoves 10 de agosto, entre as 09.30 e as 18.00 horas, está previsto un corte de tráfico na Rúa Rosalía de Castro.
O corte producirase debido á execución de obras na zona.
Os traballos consisten na instalación da pasarela sobre o Gafos, que vai unir as rúas Tablada e Rosalía de Castro.
O tramo que quedará sen circulación rodada atópase á altura da ponte sobre o río dos Gafos.
O concelleiro de Parques e xardíns, Xaquín Moreda, informou destes traballos de corte, encaixonado e cimentación na ponte sobre a rúa Rosalía de Castro sobre a que repousará a pasarela metálica proxectada nesta zona do Gafos.
O proxecto foi adxudicado á empresa Covsa por 495.866 euros e está financiado por fondos europeos FEDER dentro da Estratexia DUSI Máis Pontevedra.
Para realizar esta actuación, a Policía Local elaborou un plan de mobilidade dado que a empresa Covsa, adxudicataria do proxecto. No plan de tráfico recolle as recomendacións de entrada e saída da zona para a veciñanza do lugar.
O proxecto de instalación da pasarela sobre o Gafos supón a demolición da actual pasarela de lousa prefabricada que une as dúas rúas e a construción desta nova metálica. A intervención complétase coa creación de muros de contención para asegurar os noiros dos edifios e a creación de espazos verdes en forma de bancais até chegar ao río.