Detido en Poio un home de 45 anos por agredir á súa parella e á súa filla de 13 anos
Por Diego Espiño
A Policía Local de Poio detivo esta semana un home de 45 anos, veciño do municipio, acusado dun presunto delito de violencia de xénero e violencia doméstica.
En concreto, segundo relata o corpo de seguridade municipal, dúas persoas alertaron na xefatura da Policía dunha agresión dun home a unha muller e a unha menor en plena rúa.
Unha patrulla acudiu rapidamente ao lugar, escoitando fortes berros no interior dun edificio, polo que trataron de localizar o piso en cuestión atopándose no interior unha muller e a súa filla de 13 anos, en estado de alteración e chorando asegurando que o seu pai lles pegara.
Os axentes preguntaron polo presunto agresor, que non estaba na vivenda. Procederon a realizar unha procura polo edificio atopándoo escondido nunha zona escura de en unha bufarda do piso superior.
Segundo o testemuño dos policías, o home presentaba claros síntomas de ter consumido alcol, negándose a colaborar e mesmo a facilitar o seu documento de identificación persoal.
As vítimas explicaron aos axentes que se produciu unha discusión no portal do edificio, con agarres entre as partes e chegando o pai a agredir a ambas as dúas en varias ocasións con tiróns de pelo, suxeicións fortes do brazo e mesmo cunha puñada na cara á nena á altura do pómulo esquerdo e nariz. De feito a patrulla observou como a nena presentaba unha importante marca vermella no pómulo, con dor na zona, polo que solicitou a asistencia do 061. Tamén había danos no portal, cun cristal da porta roto.
No domicilio atopábanse ademais outros dous fillos da parella, de 3 e 18 anos de idade.
A Policía Local procedeu finalmente á detención do home, mentres que a súa filla foi trasladada en ambulancia para a súa valoración no Hospital Provincial.