Denunciadas dúas persoas en Poio por tirar pedras aos coches e arroxarlle auga aos motoristas
Por Redacción
Dúas persoas foron denunciadas en Poio por protagonizar senllos sucesos que puxeron en risco a seguridade viaria na, xa de por si perigosa, estrada PO-308.
O primeiro deles foi na Avenida da Seara. Alí, un home ameazaba os condutores dos vehículos con tirar obxectos a calzada, chegando a tirar unha pedra a un turismo sen conseguir darlle, batendo contra un sinal de tráfico.
O outro caso se produciu coincidindo coa ruta da concentración de motos de Poio. Unha muller dende o seu ático arroxou auga coa mangueira aos motoristas que circulaban pola estrada ao seu paso pola Avenida da Barca.
En ningún dos casos producíronse accidentes, pero ambos cidadáns si puxeron en risco a seguridade viaria, alterando gravemente a circulación.
A Policía Local investiga a estas dúas persoas por presuntos delitos contra a seguridade viaria na modalidade de poñer en grave perigo a circulación de vehículos.