A Asociación contra o Cancro reforza a súa aposta por Sanxenxo cunha nova sede en Portonovo
Por Redacción
A Asociación Española contra o Cancro de Sanxenxo inaugurou a súa nova sede nun baixo da Avenida da Mariña, en Portonovo.
Foi cun acto ao que asistiu o alcalde, Telmo Martín, e varios concelleiros do goberno local, así como empresas locais colaboradoras co colectivo.
Martín destacou o papel que realiza a asociación ao longo do ano con diversas actividades e felicitoulles por seguir reforzando o seu servizo no municipio.
O local dispón dunha superficie de 54 metros cadrados distribuídos nun despacho, unha sala e un baño.
Un doante que preferiu non desvelar a súa identidade fíxose cargo do alugueiro do local durante o primeiro ano. “Cando estabamos cos trámites, dixéronnos que xa había unha persoa que pagara o ano enteiro de alugueiro, pero que non quería revelar a súa identidade. Foi unha sorpresa”, asegura Meli Rodríguez, presidenta da AECC de Sanxenxo.
O obxectivo, agora que dispoñen de local, explica a súa presidenta, é mellorar e ampliar a atención aos enfermos oncolóxicos con diversas terapias, talleres e consultas.
A partir de mañá e todos os mércores do verán, unha psicóloga prestará asistencia neste espazo de 11 a 13 horas, un horario que se ampliará no inverno a tres días en horario de mañá e tarde cunha programación variada coa que se busca axudar e cubrir necesidades das familias e enfermos.
“Este é un primeiro paso, pero queremos seguir ampliando os profesionais que presten atención aquí como un fisioterapeuta ou un logopeda. Se hai algún profesional que queira colaborar temos as portas abertas”, sinala Meli Rodríguez
Durante 2022, un centenar de pacientes e familiares foron atendidos pola AECC de Sanxenxo. Agora o servizo que se prestará será máis personalizado. “As atencións por teléfono son máis frías, agora poderán vir á sede e ser atendidos persoalmente”, indica Rodríguez.