Un enredo familiar acaba en multa: condenada por rabuñar á irmá do seu noivo na casa que compartían
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Unha mala relación familiar de partida entre unha muller e a noiva do seu irmán acabou en condena penal por un delito de lesións leves cando esta muller acudiu á súa casa, viu que a súa habitación tiña os mobles rotos, pediu explicacións e a súa cuñada rabuñoulle a cara.
Todo ocorreu na mañá do 30 de xuño de 2022 nun domicilio de Pontevedra no que vivían esta muller, o seu irmán e a noiva deste, coa que a vítima "non tiña boa relación".
Cando chegou a casa, atopouse coa súa habitación aberta e os seus mobles rotos, polo que foi a pedirlle explicacións do sucedido ao seu irmán. Nese momento, chegou a súa parella e estableceuse entre elas unha discusión no curso da cal a súa cuñada abalanzouse sobre ela para agredila chegando a rabuñala na cara.
O irmán mediou nese momento e impediu que a agresión fose de maior entidade.
Finalmente, esta muller sufriu unha laceración na rexión ciliar esquerda que tardou en curar dous días sen necesidade de recibir tratamento médico nin cirúrxico e sen que lle quedaran secuelas.
A agresora foi condenada primeiro polo Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra e tanto a condenada como a Fiscalía recorreron. Con todo, a sección cuarta da Audiencia Provincial desestimou o recurso e confirmou a condena.
A sentenza considera á a agresora autora dun delito de lesións leves e condénaa ao pago dunha multa de 120 euros, 30 días a catro euros diarios.
Ademais, deberá abonar 60 euros en concepto de responsabilidade civil á irmá da súa parella polos días que tardou en curar as lesións sufridas.