Condenan cinco persoas por un altercado nun karaoke da rúa Michelena
Por Redacción
Cinco persoas foron condenadas polo xulgado como responsables dun altercado que se rexistrou en xullo de 2012 nun karaoke da rúa Michelena de Pontevedra.
Segundo recolle a sentenza os incidentes orixináronse tras reclamarlles a camareira o pagamento das súas consumicións no acto. O xesto non gustou aos membros desta cuadrilla que reaccionaron con violencia ante a demanda, rompendo unha vitrina e propinando un puñazo ao pinchadiscos, ademais de enfrontarse aos axentes da Policía Nacional que acudiron ao lugar.
Deste modo, Alejandro F. D. foi condenado a 10 días de localización permanente por unha falta de lesións, Rodrigo F.C. foi multado con 75 euros por unha falta de danos. A Paula Cristina G., Katty Karina R. M. e Leidy Diana C. F., impuxéronlles 250 euros por unha falta contra a orde pública.
Así mesmo, os acusados deberán indemnizar o pinchadiscos, ao karaoke e a un policía nacional por distintos conceptos.