O Concello de Sanxenxo non repercutirá nos recibos dos veciños a suba do prezo da auga
Por Redacción
O Goberno local levará á sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal a proposta que permitirá saldar a débeda que o Concello de Sanxenxo mantiña coa Mancomunidade do Salnés debido ao incremento do custo tarifario da auga do río Umia en 2012 e 2013.
O Executivo sanxenxino evitou en todo momento aplicar este aumento nos recibos dos veciños defendendo que se trataba dun importe do que debía facerse cargo a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, tal e como está recollido nos pregos de condicións que rexeron o concurso para a contratación desta prestación e no contrato subscrito coa adxudicataria.
Ante a disparidade de pareceres xerada con Espina e Delfín por esta cuestión, a Administración local creou entón unha comisión de verificación de controversias, encargando mesmo un informe xurídico externo que concluíu que lle corresponde á firma asumir con plenitude todos os custos da explotación dos servizos concedidos que comprende a facturación de subministracións externas de auga de caudais alleos, sexa do río Lérez ou do Umia.
O Concello de Sanxenxo afrontará a parte da débeda correspondente á amortización das obras de ampliación do abastecemento realizadas pola mancomunidade, e que ascenden a 244.923,91 euros.