A Xunta licita por máis de 405.000 euros as obras da PO-546 en Estribela
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar por 406.816 euros novas obras para conformar un eixe de mobilidade sostible na estrada Pontevedra-Marín, a PO-546. Neste caso, trátase da segunda fase das actuacións que completarán a transformación integral do treito urbano de Estribela.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a contratación destas intervencións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de agosto. O prazo para a execución dos traballos é de 12 meses.
En concreto, esta nova actuación correspóndense cunha segunda fase das obras no treito comprendido entre o final da 1ª fase de Estribela que está agora mesmo en execución e o límite municipal, completando o acondicionamento do treito urbano da PO-546 en Estribela, no concello de Pontevedra.
Para iso remodelarase a sección transversal da rúa actual, ampliando os anchos das beirarrúas.
A calzada terá un ancho de 3,10 metros na zona cun só carril; e un ancho de 6,20 metros na parte con dous carrís, zona de aparcadoiros e carga e descarga.
Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, as beirarrúas terán 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, compostas por laxa de pedra granítica sobre capa de morteiro e sobre soleira de formigón de 15 centímetros de espesor.
Nos pasos de peóns e nos extremos disporanse vaos peonís con pavimento podotáctil (botóns ou direccionais) co fin de facilitar a accesibilidade. Na intervención incluirase novo alumeado e reposición da sinalización e balizamento da zona de actuación.
O contrato incluirá a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.