En liberdade o veciño de Padrón, de 46 anos, detido como presunto autor de danos en 75 vehículos de Cambados
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Pase a disposición Cambados por daños vehículos: la jueza del Juzgado de Instrucción número 3, en funciones de guardia, ha decretado su puesta en libertad
Axentes da Garda Civil de Cambados procedían a deter este martes 4 de xullo ao suposto autor de danos en vehículos aparcados na vía pública no municipio de Cambados.
O home realizaba picadas de rodas, rabuñadas, lanzaba pintura e decapante aos coches. A primeira denuncia efectuada por estes incidentes remóntase ao 6 de xuño de 2022 e a última producíase o 12 de xuño deste ano.
A veciñanza do centro urbano mostrara a súa preocupación durante os últimos meses ante a gran alarma social que orixinaban estas accións. A rúa Os Olmos converteuse no principal escenario destes episodios, un punto situado no centro urbano de Cambados.
Cando se iniciou a investigación, a Garda Civil non detectou ningún patrón ou relación entre os diferentes feitos denunciados. Tampouco se localizou a ningunha testemuña destas actuacións.
Finalmente, as investigacións permitiron aos axentes situar nas zonas onde se producían estes incidentes a un vehículo de pequeno tamaño de cor vermella, que identifican como un Hyundai modelo I 20. A partir dese momento iníciase un cribado do modelo en toda a provincia con relación coa localidade de Cambados.
A través do operativo, a Garda Civil consegue focalizar nun usuario a investigación ao coincidir no lugar dos feitos os días e horas en que se rexistran os danos.
Segundo comprobaron os axentes, o home ten residencia habitual en Padrón e desprazábase ex profeso a Cambados a altas horas da madrugada para cometer os danos nos vehículos aparcados. Unha vez finalizaba as súas accións, regresaba de inmediato ao seu domicilio en Padrón.
Desta forma, nas últimas horas era detido este veciño de Padrón, de 46 anos, como presunto autor de 75 delitos de danos en vehículos. Foi posto ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Cambados.
Unha vez que declarou ante a xuíza en funcións de garda durante este mércores 5, o home foi posto en liberdade esta mesma tarde. Segundo informan desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non se estableceu medida cautelar algunha. Está investigado por un delito de danos e, durante a súa comparecencia ante a xuíza, acolleuse ao seu dereito a non declarar.