Nova imaxe para o lavadoiro de Pousada con reforma e eliminación da simboloxía franquista
Por Redacción
O lugar de Nores, en Vilaboa, xa goza do renovado lavadoiro de Pousada.
Nos últimos meses restaurouse a cuberta e a estrutura. Ademais eliminouse a simboloxía franquista, o xugo e as frechas esculpidas, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, segundo informa o goberno local que lidera o socialista César Poza.
O investimento nestes traballos é de 24.963 euros, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilaboa.
Foi necesario demoler as viguetas e limpar o lavadoiro. Instalouse unha cuberta nova de estrutura de madeira tratada con colocación de tella. Ademais remodeláronse os banzos de acceso e tamén se instalaba unha porta na zona da fonte.
Segundo o goberno local, o lavadoiro de Pousada é un elemento cultural de valor etnográfico e de propiedade municipal. O Concello presentara á Deputación este proxecto dentro da liña de subvencións para suprimir simboloxía franquista en espazos públicos e tamén para restaurar e sinalizar patrimonio histórico cultural.