RADIO.- Pontevedra acollerá unha estrea da película biográfica que se está gravando sobre Julián López 'El Juli'
Por Marisa Ciordia
O próximo 29 deste mes a empresa Lozano Irmáns dará a coñecer os carteis da feira taurina da Peregrina 2023 nun acto que comezará ás 21.00 horas no Liceo Casino. Unha convocatoria na que tamén estarán presentes dous toureiros: un xa retirado dos ruedos, Juan Antonio Ruiz Espartaco e Tomás Rufo. Acompañaralles como moderador o xornalista Vicente Zabala. Nestas semanas preliminares de preparativos, dous dos representantes da casa taurina, Luis Manuel e Pablo Lozano, acompañáronnos en PontevedraViva Radio. Con eles, dous representantes da afección pontevedresa, Raúl Martínez, tesoureiro da Peña Miura e Juan Riveiro, presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas.
Unha das novidades para esta edición será a celebración dos dous festexos en dous domingos consecutivos, o 6 e o 13 de agosto. Roca Rey estará o 6 de agosto formando parte da terna. Non faltará Julián López 'El Juli' que este ano celebra o seu 25 aniversario de alternativa: "unha das súas prazas nas que máis a gusto sente, dito por el, é Pontevedra; e nós como apoderados e empresarios tamén temos ilusión en que estea para celebrar este aniversario e resulte como todos esperamos".
Outro dos nomes para a feira, representado polos Lozano é o toledano Tomás Rufo, unha das revelacións da pasada tempada que tamén debutou no coso de San Roque: "el está a crecer día a día e nosotros con el empuxando para que os seus logros vaian aumentando", comentaba Luisma Lozano. Aínda que falamos de touros, facemos quinielas, así que a estes tres nomes metemos na nosa quiniela a Morante de la Puebla, Sebastián Castella - triunfador de San Isidro - e Alejandro Talavante. O feito de optar por dúas xornadas dominicais responde a "probar, tentar encher a praza os dous días. O ano pasado vimos un repunte importante e queremos ver se abrindo a dúas fins de semana, non divide".
Falamos tamén neste faladoiro da posibilidade de acoller outro tipo de festexos ou eventos vinculados á tauromaquia. Así nas 'Conversas na Ferrería' fraguouse un compromiso por parte dos irmáns Lozano: unha estrea en Pontevedra da película documental que nestes momentos está en fase de rodaxe sobre a biografía de Julián López 'El Juli'. De forma máis inmediata, a Coordinadora Taurina de Pontevedra ten aberto ata este próximo venres 23 o prazo para participar no concurso de carteis para a feira, cuxos premios - tres nesta edición - entregaranse o día 29 no acto público mencionado. Tamén retoman o concurso de fotografía Canito de temática taurina, cuxas bases se publicarán en breve.
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.