Detidas dúas mulleres por agredir outras dúas nun pub e logo rebelarse contra a Policía
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo esta madrugada dúas mozas, unha delas de 22 anos, como presuntas responsables da agresión a outras dúas mulleres no interior dun local de copas da rúa Benito Corbal. Ambas, coa súa actitude, acabaron engrosando a lista de cargos, pois acabaron enfrontándose aos policías e danando os coches patrulla.
Todo ocorreu a partir das 6.10 horas da madrugada deste xoves a este venres e a investigación continúa aberta á espera da Policía Nacional termine de tomar declaración a decenas de testemuñas identificadas no lugar.
Segundo informaron fontes policiais, o enfrontamento entre a agresoras e as súas vítimas ocorreu dentro do local, onde agrediron unha camareira do establecemento e unha clienta.
Cada unha das detidas supostamente agrediu a unha das vítimas. A unha das dúas vítimas déronlle puñadas e rabuñadas e á outra provocáronlle cortes na cara e o pescozo cun vaso.
Ata o lugar trasladáronse de madrugada as policías Local e Nacional de Pontevedra. Á súa chegada, os axentes atopáronse cun tumulto de ao redor de 60 persoas no exterior do local, a maioría delas mulleres e moitas delas baixo os efectos do alcol.
No exterior estaba tamén una das feridas, tirada no chan, con cortes na cara e o pescozo e semi inconsciente, de modo que foi trasladada a un centro sanitario.
As dúas supostas agresoras foron detidas nas inmediacións. A primeira tentou evitar que a Policía Nacional a metese no coche patrulla e agrediu un dos axentes e a outro cravoulle as uñas.
Finalmente, foi detida por un delito de lesións por agredir unha das mozas e tamén por atentado a axentes da autoridade, por resistencia e desobediencia e por danos ao vehículo policial. Chegou a proferir ameazas aos axentes.
A segunda agresora comportouse de forma similar no momento da detención. Tamén a ela atribúenlle os delitos de lesións, atentado a axentes da autoridade, resistencia e danos ao vehículo policial.
O ocorrido ten múltiples testemuñas de distintas idades, entre os 20 e os 28 anos, e todos están a ser interrogados. As presuntas agresoras continúan detidas. Son dúas mulleres nadas en España e Brasil.