O 72% das vivendas turísticas das Rías Baixas xa están reservadas para xullo e agosto
Por Oskar Viéitez
A Federación Galega de Empresas Inmobiliairas (Fegein), apunta que as previsións para este verán en alugueiro de vivendas vacacionais e compravenda de segundas residencias son "espectaculares".
Fegein afirma que no litoral das Rías Baixas as reservas de vivendas turísticas para xullo e agosto sitúanse xa no 72%.
Ademais cifra nun 4% o incremento das reservas en Galicia respecto ao ano pasado e "cunha estabilidade nos prezos debido ao incremento de unidades hostaleiras". O prezo para unha quincena rolda os 1.000 euros.
En total son 9.108 as vivendas vacacionais declaradas na provincia de Pontevedra, segundo os datos ofrecidos por esta patronal inmobiliaria que cifra en 19.318 os pisos turísticos en toda Galicia, sete veces máis que a oferta dispoñible para arrendamento tradicional, con apenas 2.500.
Os datos reflicten que o turista segue a preferir as vistas ao mar aos destinos de interior, así o reflicte a asociación turística Exceltur no seu primeiro "Atlas municipal da contribución social do turismo en España".
Neste ranking dos 100 municipios máis importantes nivel turístico en España apúntase que 81 concellos son costeiros.
Dos 500 municipios españois con maior oferta turística só 34 están en Galicia, liderados por Sanxenxo e, deles, só cinco non son de costa: Santiago, Lugo, Ourense, Sarria e Arzúa.