O IES Ramón Cabanillas estrea no Auditorio de Cambados os audiovisuais do seu 50 aniversario
Por Redacción
Con motivo do cincuenta aniversario do IES Ramón Cabanillas, o alumnado desenvolveu dous proxectos audiovisuais que fan protagonista a historia do seu centro. O alumnado de 3°ESO realizou este curso un proxecto de investigación sobre a evolución da educación na comarca nese período e construíu un documental cos testemuños das avoas e avós, pais e nais e o alumnado actual.
Para iso, ao longo do curso, formáronse na linguaxe audiovisual, nas técnicas gravación, de iluminación e montaxe, e mesmo en técnicas creativas con caixas de luz.
Este proxecto permitiu establecer conversas coas familias e antigo profesorado para descubrir como foi cambiando o ensino e como se ampliaron as posibilidades da mocidade coa aparición do primeiro centro de ensino secundario na comarca, a partir de 1972. Pero, ademais, dentro da programación cultural dos actos do cincuentenario, mantiveron conversas con exalumnos/as como Juan Galiñanes ou Sabela Pillado, hoxe recoñecidos profesionais do mundo do cine.
A experiencia do proxecto compartírona no blog amemoriadasaulascabanillas.blogspot.com e no instagram IES Ramón Cabanillas Cambados.
Por outra parte, o alumnado de 1°ESO desenvolveu nas aulas outro proxecto audiovisual, neste caso de ficción. Co título 50 é unha vida, a curta evoca os vínculos co instituto dun profesor, hoxe xubilado, en distintas etapas vitais. Na gravación participaron alumnos e alumnas actuais, profesorado do centro, profesorado xubilado, conserxes ou persoal de limpeza.
Este traballo mereceu o recoñecemento do certame Olloboi 2023, o que permitiu que o alumnado puidese vivir unha xornada de gravación dirixida por profesionais do cine en Boiro o pasado mes de maio.
Ademais desenvolveronse ao longo do curso distintas iniciativas vinculadas a favorecer a creatividade desde a Biblioteca, como espazo de referencia para a investigación, a aprendizaxe e a experimentación.
Grazas á colaboración do Concello de Cambados, os audiovisuais presentaranse ao público o vindeiro venres 9 ás nove da tarde, no Auditorio de Cambados. Participarán as familias e o público xeral, nunha estrea que está aberta ata completar a capacidade do auditorio.