Remolcan unha embarcación cunha persoa a bordo que permanecía á deriva na Illa de Arousa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Unha persoa era rescatada a primeiras horas da tarde deste domingo 4 de xuño cando a embarcación na que navegaba quedou á deriva en augas da Illa de Arousa.
Segundo relata o servizo de emerxencias do 112 Galicia, a embarcación quedaba enganchada a unhas redes e o motor deixaba de funcionar. Sucedía cando o tripulante estaba a punto de fondear entre as illas de Pedregoso e Rúa, nas proximidades de Pedra Seca.
O home contactou co 112 Galicia pasados uns minutos das 14.30 horas ao comprobar o perigo que corría xa que a corrente movía a embarcación coa posibilidade de bater nalgunha batea próxima.
Desde o 112 Galicia trasladouse a situación a Salvamento Marítimo, que mobilizaba a embarcación de rescate Salvamar Sargadelos. Unha vez na zona, lograban remolcar a embarcación ata o porto de Vilanova de Arousa. O tripulante resultou ileso.
Desde o 112 Galicia tamén se informaba do suceso ao Grupo Acuático dos Bombeiros de Vilagarcía de Arousa, á Garda Civil e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.