Ata o 9 de xuño permanecerá aberto o prazo para apuntarse ao 'Concilia Bueu'

Por Redacción
Nova edición do programa 'Concilia Bueu', que se desenvolverá entre o 3 de xullo e o 31 de agosto. O luns 29 abrirase o prazo para realizar as solicitudes, que permanecerá aberto ata o 9 de xuño.
O programa é gratuíto, destinado a menores de entre 3 e 12 anos, e ofrece diferentes actividades en horario matinal co obxectivo de que as familias concilien durante a época de verán.
O número de prazas ofertadas ascende a 100 para cada mes, que se distribuirán nun total de 90 adxudicadas polo procedemento xeral, mentres que as dez restantes adxudicaranse a menores en situación ou en risco de exclusión social.
O Concello de Bueu indica que a participación está aberta para menores nados entre 2011 e 2019, ambos inclusive. As solicitudes prioritarias, segundo as bases, serán as de menores empadroados en Bueu. Estas prazas serán adxudicadas atendendo á situación socio-familiar e laboral familiar. No caso de non cubrirse as 90 prazas, os menores empadroados noutros municipios poderán optar ás vacantes.
As bases atópanse na web municipal do Concello de Bueu. As persoas interesadas deberán presentar as inscricións de forma presencial no Rexistro do Concello ou en formato electrónico a través da sede electrónica do Concello de Bueu.
Será necesaria a solicitude de participación; o xustificante de empadroamento; a fotocopia da tarxeta de demandante de emprego (en caso de atoparse nesta situación) e a do libro de familia.
Tamén se debe entregar o certificado da empresa con data do mes en caso de atoparse en situación laboral activa e a fotocopia do libro de familia numerosa ou certificado de monoparentalidade, nos casos en que se produzan estas circunstancias.