O candidato do PP na Illa de Arousa asegura que "non vou dar un paso atrás"
"Non vou dar un paso atrás". Así de contundente mostrouse este martes o candidato do PP na Illa de Arousa, Matías González, tras coñecerse que foi condenado en 2011 por maltratar a unha expareja.
A pesar de que o partido, que asegura descoñecer esta sentenza, esixiulle que renunciase á súa candidatura, González publicou un vídeo nas redes sociais da agrupación popular da Illa na que insiste en que "vou seguir adiante con este proxecto".
Arroupado por membros da súa candidatura, o candidato do PP subliña que "me doe de todo corazón" que saia á luz un tema "polo que xa paguei inxustamente" hai doce anos.
"Quero mostrar a miña máis absoluta repulsa a calquera acto de violencia machista", sostén Matías González, que engade que "sobre todo" apoia á xente "que de verdade" sofre casos de violencia de xénero, mostrando a súa desconformidade coa súa sentenza.
A este respecto, lamenta que haxa persoas "que utilicen o beneficio da lei para facerlle dano a outras persoas".
González reitera que este feito "non só me fai dano a min e ao meu equipo, senón tamén á miña familia", pero advirte que A Illa de Arousa "é un pobo pequeno e todos sabemos quen é quen".
"Imos seguir con este proxecto. Queremos representar aos nosos veciños a pesar de que queiran manchar a miña imaxe", sentencia o candidato popular.
A polémica xurdida na Illa de Arousa tamén levou este martes para facer as súas valoracións ao resto de partidos políticos,
O BNG reclama a "renuncia" do candidato do PP, pois considera "completamente indigno e inadmisible" que alguén condenado por exercer a violencia machista poida formar parte dunha lista electoral, "incumprindo os mínimos estándares éticos e de exemplaridade esixibles para ostentar un cargo público de representación".
Para os nacionalistas, o comunicado difundido polo PP este luns, no que sinalou que pediron a Matías González que renunciase, pero el negouse, é "insuficiente".
"Non é suficiente con anunciar que, de saír electo, o candidato non integraría o grupo municipal do PP, podendo producirse o esperpento de que outro hipotético candidato a alcalde polo PP no pleno recibise o apoio da persoa en cuestión", sinalan os nacionalistas, que insisten en que corresponde ao PP, quen provocou esta situación, "poñer todos os medios necesarios para corrixir esta intolerable situación".
Tamén o PSdeG-PSOE entrou na polémica despois de que lles acusasen de ser os responsables de filtrar a condena do candidato do PP. Así, instan a este partido a que "resolva os seus problemas internamente", sen mesturar aos socialistas "en cousas que nin teñen que ver connosco, nin sobre as que queremos facer ningunha declaración".
Insisten en que son un partido "especialmente respectuoso co resto das candidaturas" e "ocupado unicamente co futuro do noso pobo" e a única forza política que non entra en disputas e "non se deixa enredar nas polémicas estériles que as outras formacións tratar de alimentar e que en nada interesan á veciñanza".
Así, reclaman ao PP e ao seu candidato que, "por favor, cesen no seu intento de botar balóns fóra". "Xa basta de insinuacións absurdas", piden, en defensa dunha "política limpa".