Buscan fogar para Lucía e Luciana, dúas cadeliñas rescatadas dun contedor de auga en Sanxenxo
Por Redacción
Dúas cadeliñas de cor branco e marrón, cruce de beagle, buscan novo fogar. Teñen tan só mes e medio de vida e foron rescatadas dunha morte segura. Apareceron abandonadas nun contedor de auga. Os traballadores do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Meis recolléronas despois de que o 9 de xaneiro recibiran un aviso do Concello de Sanxenxo. Foran atopadas por unha traballadora da empresa Espina e Delfín.
Despois das revisións veterinarias pertinentes atópanse en perfecto estado de saúde, esperando unha adopción para poder iniciar unha nova vida no fogar que se merecen. Con todo haberá que agardar ata o 29 de xaneiro para que a adopción se poida facer efectiva, cumprindo así cos 20 días de espera que a lei establece.
Calquera persoa interesada en adoptar a Lucía e Luciana, como así se chaman estas dúas cadeliñas, ou a calquera dos outros animais que se atopan no CAAN á espera dunha familia, pode visitar o centro, consultar a páxina www.caan.depo.es ou chamar por teléfono ao 608 975 326, onde obterá toda a información que precise.
A adopción non supón ningún custe para o interesado e os animais adoptados no CAAN son entregados aos seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados co microchip.
O Centro de Acollida está desenvolvendo diversas accións orientadas a crear a conciencia social para que casos coma este non se dean. Nesta liña, vaise levar a cabo unha campaña de concienciación cidadá nos colexios, orientada a nenos de entre 3 e 12 anos, co obxectivo de que os que hoxe son cativos sexan nun futuro adultos responsables, e que os propios pequenos sirvan de cadea de transmisión dos valores de respecto e protección dos animais.