Rocío Carrasco sobe ao escenario no concerto homenaxe á súa nai en Pontevedra
Por Redacción
Os espectadores que acudiron na noite deste domingo ao auditorio de Afundación de Pontevedra para asistir á representación de Rocío Jurado, el musical levaron unha gran sorpresa cando ao escenario subiu a filla da cantante, Rocío Carrasco.
Carrasco, creadora e directora do espectáculo, visitou Pontevedra, presenciou a actuación en Afundación e, nun momento dado, non dubidou en subirse ao escenario e acompañar a Anabel Dueñas, a protagonista, na interpretación dunha das cancións máis míticas de Rocío Jurado, 'Como yo te amo'.
O espectáculo busca ser unha homenaxe ao legado de "La más grande" e un recoñecemento "á inmensidade de Rocío Jurado que vive en tantas mulleres a través das súas cancións". Coa presenza da súa filla, foi aínda máis intenso.
Rocío Carrasco Mohedano, tamén coñecida como Rociíto, levou unha gran ovación do público de Pontevedra.
A protagonista, Carmela, é unha muller que admira a Rocío Jurado e que, tras repetir unha e outra vez as súas cancións, os seus xestos e a súa forma de enfrontarse á música, faralle vivir unha viaxe de achegamento ao seu referente artístico.
Nas máis de dúas horas que dura o espectáculo, con música en directo, Rocío Jurado faise visible nela. Desde os nervios dunha aspirante a un casting, como o era Rocío cando chegou a Madrid, ata a gran estrela na que se converterá co tempo.