Máis fondos para axudas de emerxencia social en Sanxenxo, 155.131 euros para catro anos
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo incrementou os fondos destinados a axudas de emerxencia social, que pasarán a ser 155.131 euros por un período de catro anos, un incremento do 6,8% con respecto á partida anterior.
A través do organismo autónomo Terra de Sanxenxo, o Concello acaba de sacar a licitación a subministración de bens de primeira necesidade para axudas de emerxencia social.
A finalidade das axudas é dar resposta inmediata ás situacións puntuais de necesidade, xeradas por emerxencia individual ou familiar, derivadas de gastos específicos de carácter básico, como son a alimentación ou a hixiene persoal e do fogar.
Para garantir a inmediatez das axudas, é preciso contratar cun supermercado do municipio a adquisición dos produtos de primeira necesidade, de hixiene persoal e do fogar e alimentos, como son: carne e peixe, froita, verdura e legumes, pasta, arroz e pan, lácteos, aceites, produtos de charcutería, cereais, conservas, produtos infantís de aseo e alimentación, produtos de aseo persoal e de limpeza do fogar.
O contrato terá unha duración de dous anos e poderá ser prorrogado por dous anos máis, establecéndose unha duración máxima do contrato de 48 meses.
As empresas destinatarias son superficies comerciais subministradoras de alimentos e produtos de limpeza.
Será necesario un sistema tipo "tarxeta prepago ou similar" que garanta o anonimato da persoa usuaria, evitando a súa estigmatización e favorecendo a integración social das persoas desfavorecidas.