Encontran un ciclista falecido tras sufrir un accidente na Fracha
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Un home de 51 anos apareceu sen vida na tarde deste martes nunha zona de monte da Fracha, en Marcón. Estaba á beira da súa bicicleta e presentaba un golpe na cabeza, de modo que todo apunta a que sufriu un accidente e perdeu a vida por mor do impacto.
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para aclarar o ocorrido, pero todas as hipóteses apuntan a que se tratou dunha morte accidental.
O corpo foi localizado a media tarde deste martes e, segundo a información policial, o home saíra da súa casa para andar en bicicleta pola mañá. Non regresou e a súa parella preocupouse e denunciou a súa desaparición na Garda Civil, de modo que se puxo en marcha un operativo de procura.
Ata o lugar do accidente trasladáronse os servizos sanitarios, que non puideron facer nada por salvar a súa vida, así como os forenses que certificaron a súa defunción e indicaron que todo apunta a que foi unha morte accidental.
O corpo presentaba un forte golpe na cabeza, de modo que se baralla que sufriu unha caída.
Tamén acudiron ata A Fracha axentes das policías Local e Nacional de Pontevedra. A Policía Científica realizou unha inspección ocular da zona.
O falecido é un home de 51 anos natural de Cambados.