Máis dun millar de botellas vendidas nunha exitosa Festa do Viño de Vilaboa
Por Redacción
A Festa do Viño de Vilaboa está xa consolidada na súa décima edición. Así o confirman as cifras que deixou o evento durante a pasada fin de semana, cunha facturación superior aos 50.000 euros.
O Concello de Vilaboa fixo balance este martes da festa e falou de "éxito" e do "arraigo do evento na contorna", como demostra tanto a asistencia de público como a elevada participación de adegas (7 colleiteiros e tres adegas) .
Segundo o balance oficial, vendéronse máis de 1.000 botellas de viño, 1.500 racións de polbo, churrasco, empanada e sobremesas e 900 refrescos.
Os momentos de maior afluencia de público coincidiron coas actuacións musicais de Milladoiro e Aires de Cobres, dous estilos musicais diferentes pero ambos demostraron a súa capacidade de arrastre en Vilaboa.
En canto á parte profesional, o goberno local, encargado da organización do evento, programou dúas catas, unha para adegueiros e outra para colleiteiros, nas que participaron 5 catadores e actuou de secretario José Manuel Fernández, de Medio Rural e nas que se outorgaron 7 premios nas diferentes categorías.
Nesta edición, o habitual pregón do evento foi substituído por un recoñecemento especial ás dúas persoas que puxeron en marcha este evento. "Quixemos facelo aproveitando a décima Festa, que durante os dous anos da Covid-19 non se organizou", explicou Carmen Gallego, concelleira de Dinamización Económica.
A concelleira explicou que Luís Poceiro, alcalde de Vilaboa no ano 2011, e Xabier Míguez, ex alcalde e concelleiro daquel goberno, "apostaron pola promoción dun sector económico clave para Vilaboa". O actual rexedor, César Poza, entregou a ambos os dous un agasallo como símbolo do recoñecemento social a "unha aposta atrevida naquel momento e que derivou hoxe nun evento convertido en escaparate da calidade dos nosos viños".
Á hora de valorar a incidencia económica da Festa, Carmen Gallego indica que na loxística participaron varias empresas da provincia que subministraron a carpa, a electricidade, o son, postos, seguridade, ambulancia, rotulación, cartelería, pancartas e insercións publicitarias.
Carmen Gallego agradece tamén o comportamento da cidadanía que respondeu de xeito exemplar ao chamamento a non empregar o vehículo particular para achegarse ao recinto. "Non tivemos atascos, aglomeracións nin incidente algún que salientar", sinalou.