Detido un mozo por roubar no interior de sete vehículos en Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Garda Civil detivo a DA.G.M., de 27 anos de idade e veciño de Poio, como suposto autor dun delito continuado de furto en sete vehículos estacionados nas vías públicas no municipio de Poio.
Segundo informaron dende o Instituto Armado a pasada semana foi un veciño quen alertou os axentes da Garda Civil da actitude sospeitosa dun individuo que camiñaba entre varios vehículos estacionados na vía pública.
Inmediatamente acudiu ao lugar unha patrulla do Posto da Garda Civil de Pontevedra localizando un mozo de nacionalidade colombiana que portaba un paquete envolto en papel de regalo. Os axentes preguntáronlle polo contido do devandito paquete e este home non soubo responder, a continuación procedeuse a un cacheo superficial encontrando no seu poder un sobre con diñeiro que tampouco soubo indicar a cantidade exacta así como a procedencia legal dun GPS, nin a de varios accesorios para vehículo, que tamén levaba nos petos.
Os gardas civís localizaron sete vehículos abertos nun radio duns 150 metros, sen signos de forzamento, polo que procederon á realización de xestións para poder contactar cos titulares, sendo localizado un deles aos poucos minutos quen recoñece como seu o citado paquete regalo e ao seguinte día un veciño de Sanxenxo denunciaba o furto de 400 euros nun sobre que tiña na guanteira do seu vehículo.
Por todo iso os axentes procederon á detención do referido mozo que foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número un de Pontevedra, quedando en liberdade con cargos.