Sanxenxo volve liderar as praias con bandeira azul de Galicia, a terceira rexión con máis distintivos
Por Redacción
Este verán as praias de Galicia lucirán 113 bandeiras azuis. Un total de 34 municipios contarán, polo menos, cun destes galardóns que cada ano entrega a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac). A comunidade autónoma mantense como a terceira rexión con maior número de distintivos, só por detrás de Valencia (135) e Andalucía (127).
Os criterios para outorgar estes recoñecementos ás praias pasan pola calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sustentabilidade.
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia con 58 galardóns. Ademais, Sanxenxo repite como municipio español con máis areais recoñecidos, un total de 17, os mesmos que no 2022.
Así, lucirán este distintivo os areais da Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro-A Lanzada, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.
O alcalde, Telmo Martín, celebra renovar estes galardóns. "Somos unha potencia turística e temos que seguir apostando pola mellora continua da seguridade e dos servizos en praias", sinalou.
A elas súmanse catro ensinas máis, concedidas ao Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo, o porto deportivo municipal Juan Carlos I e o Centro Azul da Telleira.
No ranking de concellos con máis distintivos das rías de Pontevedra e Arousa, seguen a Sanxenxo Bueu, con cinco -Area de Bon, Banda do Río, Lagos, Lapamán e Portomaior-; e Marín, con catro. Este municipio perde unha bandeira, a de Loira, e mantén as de Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo.
A Illa de Arousa -Area da Secada e O Bao- e Vilagarcía -Campanario e Compostela- mantéñense con dous, as mesmas que o ano pasado. Poio, pola súa banda, revalidou a súa bandeira para a praia de Cabeceira e Ponte Caldelas para a praia fluvial da Calzada.
Unha das novidades é a concesión, por primeira vez, da bandeira azul para a Casa Museo de Colón, en Poio. O alcalde, Luciano Sobral, subliñou que este distintivo "suporá sen dúbida un novo pulo para poñer en valor e axudar a difundir a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón".
Tamén lucirá esta bandeira, neste caso tras recuperala, o porto deportivo de Pedras Negras no Grove.
Entre os centros galardoados renovaron a súa bandeira a Aula de Natureza Cabo Udra e o Centro de interpretación de Agrelo (Bueu), o Centro de interpretación da Conserva (A Illa de Arousa) e o Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor (Marín).
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas non izará a bandeira azul da Calzada por falta de socorristas
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo colga o cartel de completo para xullo e agosto
Por Redacción |
-
Sanxenxo presume de sendeiros azuis: “A fusión da paisaxe, a tradición e o patrimonio fan este espazo único no mundo”
Por Redacción |
-
Sanxenxo amplía as súas Q de Calidade con catro novas praias
Por Redacción |
-
Poio e A Illa reciben as súas bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Rueda destaca a Galicia como destino turístico sustentable na entrega das bandeiras azuis
Por Anxo Lourido |
-
A praia fluvial da Calzada busca socorristas
Por Redacción |
-
Turismo Rías Baixas amosa en Bilbao as potencialidades do destino
Por Redacción |
-
Costas proxecta as actuacións para erradicar a praga de cadillo e mellorar a calidade da area da Concha-Compostela
Por Redacción |
-
Izadas as bandeiras dos sendeiros azuis de Poio
Por Redacción |
-
Os tres sendeiros azuis de Marín xa presumen de bandeira
Por Redacción |
-
Empezan os preparativos da campaña estival en Sanxenxo coa tramitación dos servizos nas praias
Por Redacción |