O II festival gastronómico Mestizaxes fai balance con 20.000 visitantes e máis de 17.000 tapas vendidas
Por Redacción
Un éxito, así cualifica o Concello de Pontevedra a segunda edición do festival gastronómico Mestizaxes celebrada durante a fin de semana na carpa instalada na Praza de España.
Segundo apunta o goberno local a cifra de asistentes ao evento culinario, no que se pretende poñer en valor as cociñas 'de fóra' que se practican na Boa Vila, foi moi superior á do pasado ano con ao redor de 20.000 visitantes e máis de 17.000 tapas vendidas.
"O éxito deste festival excedeu todas as expectativas", asegura a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, garantindo a continuidade nos próximos anos "cunha proposta que iremos mellorando e afinando e que se irá diversificando con máis sabores do mundo".
Os asistentes a Mestizaxes puideron escoller entre propostas de ata 11 países, con culturas tan diversas como Hawái (Mahalo Poke), Colombia (Lulo Gastrogrill), Corea (La Culpa de la Gula), Venezuela (Arepas Gastrobar), Estados Unidos (Xhuao), China (El Cafetín), Xapón (Kenzo), México (La Catrina), Brasil (La Croquetería El Crack) e Perú (O Souto), así como cafés de Etiopía, Kenia ou México (El Club del Café).