A Deputación creará unha senda peonil na EP-8004 en Meis
Por Redacción
A Deputación vén de aprobar o proxecto para executar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP8004 Caldas-Vilanoviña ao seu paso por Meis.
O proxecto prevé habilitar unha senda ao longo dun tramo de 400 metros para facilitar el tránsito das persoas e que incluirán tamén traballos de pavimentación, a execución do sistema de drenaxe de augas pluvais, así como a disposición de novo alumeado público.
O investimento desta actuación acada os 199.553 euros, dos que a institución provincial achega o 80% (159.642 euros) e o Concello de Meis o restante 20% (39.910 euros).
A nova senda, que terá 2,5 metros de ancho, discorrerá pola marxe esquerda do viario ao longo deses 400 metros, concretamente desde o núcleo poboacional de Lantañón, travesía que conta con beirarrúas, ata o inicio do antigo trazado da EP8004 en Vilanoviña.
A senda estará ao mesmo nivel da estrada e executarase en formigón coloreado.