O plan de Domínguez para Mollavao inclúe un parque e novas pistas deportivas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O PP desvelou as súas propostas para revitalizar o barrio de Mollavao. Fíxoo durante o encontro que o seu candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, mantivo cos veciños.
Entre elas, destacan a creación dun parque natural de máis de 5.000 metros cadrados na leira de Malvar e a construción de pistas deportivas baixo a ponte da autoestrada.
O parque, segundo detallou Domínguez, contaría con zonas de descanso, áreas de xogo para nenos e novos, pistas deportivas para a práctica de diferentes disciplinas e unha contorna natural que permita o desenvolvemento de actividades ao aire libre.
Ademais, o plan dos populares inclúe a mellora da limpeza do barrio, a renovación das beirarrúas, a humanización da rúa Rosalía de Castro para que tamén inclúa carril bici, a derriba da torre de Fenosa, a posta a punto da iluminación ou máis presenza policial.
Todo este proxecto, segundo o candidato do PP, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos habitantes de Mollavao, "mellorando a deterioración que presenta o barrio, fomentando a actividade física e revitalizando a zona".