Reabre a estrada provincial que pasa por debaixo da ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra reabriu este venres a estrada provincial a EP-9511 Cabanelas-Ponte Arnelas, pola que discorre a Variante Espiritual e que pasa por debaixo dun dos tramos da ponte de Ponte Arnelas, despois da avaliación técnica que confirmou a súa seguridade ao non pasar baixo a zona sinistrada.
A presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou que a Administración provincial "estará moi vixiante por se en algún momento temos que tomar outra decisión".
A apertura prodúcese tralo informe do servizo de Infraestruturas que garante as condicións de seguridade na estrada, "que non pasa por debaixo da parte da ponte que colapsou".
"Teño clarísimo que por riba de todo está a seguridade, a estrada estivo ben pechada e non podiamos tomar unha decisión ata ter o informe serio dos e das enxeñeiras da Deputación, que nos di que podemos abrir sen problemas de seguridade para as persoas e os vehículos que transitan por ela", dixo a presidenta.
En todo caso, sinalou, "imos estar moi pendentes e facer todo o seguimento necesario porque se nalgún momento temos que tomar outra decisión".
O informe técnico lembra que o risco estrutural atópase localizado na parte metálica da ponte, producido pola rotura de varias péndolas de suxeición do taboleiro, e que os vanos de formigón non presentan danos.
Amais, entre a parte metálica da ponte e o tramo polo que pasa a EP9511 sitúanse dous vanos que funcionan estruturalmente de forma independente.
Relacionadas:
-
Abren a ponte de Ponte Arnelas tras a súa reconstrución
Por Redacción |
-
Prevén reabrir ao tráfico en abril a ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |
-
Comeza a desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |
-
Reconstruír a ponte de Ponte Arnelas suporá un investimento de 5,3 millóns
Por Redacción |
-
Expertos en infraestruturas investigan os danos da ponte de Ponte Arnelas
Por Oskar Viéitez |