Descobren en Vilaboa a segunda paneira máis grande do mundo
Por María José Pita
"O caso da Reitoral de Cobres é curioso, creo que a vira antes en algunha foto, pero foi que pasando por Vilaboa chamoume a atención e acerqueime, corroboramos que era unha paneira, e como non había ninguén, volvimos máis días ata que á terceira vez si atopamos xente e xa coa cinta métrica e o láser, entramos, medimos e fixemos fotos".
Quen fala é Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto e presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) en conversa con PontevedraViva. Xunto ao investigador e asociado de honra de Apatrigal Javier Torres fixeron a medición da paneira da Reitoral de Cobres, situada na parroquia de San Adrián de Cobres, concello de Vilaboa.
A medición concluía cuns datos sorprendentes: 21,50 x 7,05 metros, o que convertía esta paneira na máis grande de Galicia e a segunda do mundo. "Trala medición realizada, consideramos que é a segunda paneira máis grande do mundo, trala de Condres, en Gozón (Asturias), medida por Carlos Henrique Fernández Coto e Fernando Cerqueira Barros no ano 2022", publicaba Apatrigal nas súas redes sociais.
"O hórreo é para gardar o cereal e a paneira é para o pan. Para favorecer a ventilación, o hórreo en Galicia é máis estreito, aínda que exteriormente non os diferencias apenas, soamente é cando falas coa xente e che explican para que o utilizaban", aclara Carlos Henrique.
A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego forma parte da rede Horrea, un grupo de estudio e investigación sobre os 'celeiros elevados' da Península Ibérica. Con esta denominación pretenden abarcar as moitas tipoloxías ao redor do hórreo, onde se inclúe á paneira e tamén á cabaceira, cabaceiro, cabana, cabanel, cabás, cabazo, cabeceira, cabiceira, cabozo, cacifo, cacipo, calustra, caustra, canasto, canastro, canizo, espigueiro, garneira, graneira, hórreo, horrio, orno, órneo, palleira, paneira, piorno e sequeiro, todas elas palabras que Apatrigal recolleu como formas de nomear en diferentes zonas de Galicia a estas construcións tradicionais.
Horrea está integrado por asociacións que traballan pola defensa dos hórreos de León, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e Portugal e que levan anos inventariando os 'celeiros elevados' da Península. "Moitos dos que descubrimos non están nin sequera nos libros", afirma Carlos Henrique. "O que facemos normalmente é peinar os mapas, as fotos aéreas dos territorios, e cando aparece algo que se pareza a un hórreo imos e medímolo en vivo. Estamos facendo unha lista dos hórreos máis grandes do mundo, case todos son en Galicia, Asturias e Portugal, despois tamén temos algún en Serbia e en outros sitios". En contacto con asociacións de Turquía, Serbia, Suíza, Italia e Inglaterra traballan para conseguir que os 'celeiros elevados' sexan declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
SINGULARIDADE DA PANEIRA DE COBRES
A paneira da Casa Reitoral de San Adrián de Cobres foi construída no ano 1772 e está composta de dúas plantas. A planta principal utilizábase para o pan e o semisoto era unha bodega e lagar. Carlos Henrique destaca no semisoto os arcos transversais, "un sistema construtivo empregado nos sotos do Mosteiro de Poio e no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, polo que sospeitamos que foron os mesmos canteiros".
A pedra desta paneira está colocada 'a xunta seca', un tipo de muro declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. "Con esta técnica de construción está feita gran parte da arquitectura galega: as igrexas, os pazos, muros nos camiños e nos montes... Ao non ter ningunha argamasa, ningún barro, ningún elemento débil, só pedra contra pedra, fai que dure máis".
Desta boa conservación dá conta Randy Hanssen, quen atende a PontevedraViva desde Barcelona. Randy e o seu home Juan Carlos Madriñán emprenderon a tarefa de rehabilitar a Reitoral de Cobres para destinala a turismo rural, negocio que tiveron que traspasar hai sete anos por enfermidade.
De todo o conxunto, o que máis lle sorprendeu foi precisamente a paneira. "A casa estaba en ruínas, tivemos que poñer un tellado novo, pero a paneira estaba perfecta". De feito, lembra que "co cambio de século", uns meses antes da inauguración do conxunto rehabilitado, a falta das últimas obras, decidiron facer a estrea cunha pequena cea precisamente na paneira. "Foi moi divertido porque facía mal tempo e como a paneira non ten cristais había unha ventilación marabillosa, que non había plástico que a frease, foi moi especial".
A maxia deste espazo perdura, de xeito que os actuais xestores habilitaron a paneira para a celebración de eventos, como nos confirma Marta Iglesias, a encargada da Reitoral de Cobres.