Toni Segarra, un dos creativos máis influentes, participará no Culturkata 2023
Por Redacción
Conferencias e actividades formativas centrarán a Semana da Creatividade Culturkata 2023, un programa que se desenvolverá entre o 19 e o 27 de abril na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra.
Entre as iniciativas máis destacadas sobresae un coloquio co creativo Toni Segarra, un publicista que a revista Forbes sitúa entre as 25 persoas máis influentes de España e o mellor creativo español do século XX. Presentará o seu libro 'Toni Segarra e a Publicidade' no que dialoga con David Torrejón sobre a actividade publicitaria. Segarra suma 39 leóns no Festival Internacional da Creatividade de Cannes e máis dun cento de premios Sol, do Festival Iberoamericano de Comunicación Publicitaria. Acudirá o xoves 20 á facultade pontevedresa para manter un encontro cos estudantes con entrada libre para calquera persoa interesada.
A intención de Culturkata é "dinamizar a facultade", segundo explica o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez, no DUVI. A programación conta co apoio da asociación de estudantes Freshy e co alumnado responsable das celebracións de Santa Kata.
Entre as propostas tamén destaca unha exposición titulada 'Do soño á realidade, 1500 ideas, 26 propostas de novos produtos', coordinada por Ana Dopico e Pedro Figueroa. Inaugurarase o 19 de abril, xornada inicial, na que se poderá escoitar a Noelia Vázquez, egresada da facultade, quen analizará técnicas de innovación tecnolóxica.
O venres 21 ofrecerase unha visión sobre as desigualdades no sector publicitario coa participación de Iria Otero. A continuación, Alba Cobo tratará a diversidade corporal e a publicidade, mentres que Cristina Guezuraga, da escola de creativas Proxecto Oh! Sister, ofrecerá unha charla titulada 'Transformar o de dentro. Falemos do que nos pasa ás creativas'. Por último, Rocío Restaino tratará o uso da linguaxe inclusiva na comunicación das marcas.
O luns 24 continuará a actividade co coloquio 'Wedding planners: creatividade na túa voda', con Iria Viñas e Andrea Area. O martes ofrecerase un taller de verificación de información coordinado por Alberto Dafonte e impartido pola xornalista Vivian Rangel, de Maldita.es.
O xoves 27 finalizarán estas xornadas co coloquio 'E estas dúas quen son? a vida despois de CAV' coa directora Lucía Estévez, codirectora de Los Argonautas de TVE e a guionista Sara Varela, que traballou para diferentes produtoras e para Antena 3.