Advirten do aumento dun 158% nas reclamacións pola factura da electricidade en Vilagarcía en 2022
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) atendeu en 2022 un total de 1.777 consultas e reclamacións realizadas por consumidores descontentos pola prestación de determinados servizos ou produtos adquiridos. A memoria da OMIC desvela que a factura da electricidade foi a principal causa de conflito, pasando das 159 atencións de 2021 ás 411 do ano pasado.
A Oficina do Consumidor diferenza en dous grandes bloques as consultas e reclamacións atendidas nas súas dependencias.
No bloque de servizos, o maior número de atencións corresponderon ao sector da electricidade (411), telefonía móbil (145) e á banca e servizos financeiros (133). Seguíronlles os seguros (104), o comercio electrónico (95), internet (85), servizos profesionais (65), transporte aéreo (60) e gas (46).
No que se refire aos servizos de electricidade e gas, os problemas máis consultados e polos que máis se reclama veñen derivados da falta de facturación ao consumidor, facturacións excesivas, facturacións estimativas que non se axustan ao consumo real, incumprimento de contratos por parte da empresa ou pola aplicación do mecanismo de axuste aos contratos renovados ou firmados a partir do 26 de abril de 2022 sen que a empresa informase debidamente aos interesados. Nestes últimos casos, a maior parte das reclamacións referíanse a contratos dentro do mercado libre.
No bloque de produtos propiamente ditos, a OMIC atendeu 56 consultas relacionadas cos teléfonos móbiles. A compravenda de automóbiles xerou 43 atencións e a de electrodomésticos 38. Por último, tamén se tramitaron reclamacións por outros produtos como roupa (27) ou mobles (20), entre outros.
Para resolver as dúbidas dos consumidores e informarlles dos dereitos que lle asisten, a OMIC organiza este mércores unha charla sobre a factura da luz e o xoves outra sobre os dereitos dos consumidores fronte á banca e os servizos financeiros.Técnicos de Consumo serán os encargados de informar ás persoas que asistan ás actividades que comezarán ás cinco da tarde.