Conta atrás para a apertura da nova Confitería Pastelería Landín
En menos de 24 horas, a rúa Michelena será o escenario dunha inauguración moi especial. Confitería Pastelería Landín abrirá as súas portas no número 40 desta céntrica rúa, a poucos metros da Praza de España e da Casa Consistorial, no baixo que ocupou nos últimos anos Pizzería Dolce Vita.
Este mércores 12 de abril levantarase o enreixado do segundo local en Pontevedra de Confitería Pastelería Landín. "A idea era abrilo para Semana Santa, pero como tivemos que facer algunhas obras e un cambio de todo o mobiliario foi imposible chegar a tempo", comentan os responsables de Landín.
Fai menos dun ano que a familia Pedreira collía o traspaso do negocio de Frei Xoán de Navarrete, 11. Á fronte, Aldara Pedreira Troncoso, que aos seus 21 anos e formada en pastelería no centro pontevedrés Carlos Oroza tomaba a testemuña de Fernando Dios Landín, nun novo proxecto no que mantiña a esencia do fundador.
Esta nova etapa tamén supón a incorporación á empresa familiar de Xoán Valentín, irmán de Aldara. Ambos son os propietarios dun negocio que conta co asesoramento de seu pai, Alfredo Pedreira López, quen achega unha traxectoria de trinta anos no oficio. Alfredo dános as claves do éxito desta nova etapa en Confitería Pastelería Landín: "seguir facendo o mesmo produto que facía Fernando Dios Landín, que se portou moi ben connosco e ensinounos todos os segredos de traballar desa forma tan artesá, e tamén introducimos algúns produtos novos".
No establecemento de Michelena que están a piques de inaugurar continuarán nesta liña, manterán o horario e ofrecerán os mesmos produtos. Das numerosas referencias que saen do obradoiro artesán de Santo André de Xeve, as que máis éxito teñen, confíanos o pai de familia, son os 'cruasáns' e as 'barriñas', elaboradas coa mesma masa do 'cruasán' pero en forma alongada, coñecidas tamén como 'trenzas'. "As 'barriñas' e 'cruasáns' teñen fama de ser os máis ricos de Pontevedra, non é que o diga eu, dínnolo os clientes, son os nosos produtos estrela".
Esta boa acollida dos produtos de Confitería Pastelería Landín anima á familia Pedreira a abrir este segundo local e un terceiro en proxecto. "Temos que ir tenteando todo, como funciona este local e, se hai sorte, abriremos unha tenda máis en Benito Corbal, unha rúa que nos interesa moito". A proposta de Benito Corbal chegoulles a través dunha asesoría, "o local está agora ocupado, sabemos que é unha persoa que quere deixalo pero, ata que non peche, por respecto, non nos deron datos".
Alfredo Pedreira insiste en que queren ir paso a paso, así que, de momento, toda a atención está posta na cita deste mércores 12 de abril na rúa Michelena, 40, en horario ininterrompido entre as 8:00 e as 22:00 horas.