Veciños de Ponte Muíños denuncian problemas no saneamento que repercuten na salubridade das súas vivendas
Por Oskar Viéitez
As comunidades de propietarios da Avenida das Camelias e a Avenida Matos, en Ponte Muíños, convocaron aos medios de comunicación para o vindeiro martes para informar de "as graves incidencias que están a repercutir nas condicións de habitabilidade e salubridade de vivendas como consecuencia de problemas na rede xeral de saneamento".
Estes veciños do antigo poboado de Celulosas deron este paso despois de máis de tres anos de escritos ao Concello de Pontevedra sen unha resposta satisfactoria ás súas queixas.
Agora, despois de acudir á Valedora do Pobo, queren que se coñezan os problemas que sofren 96 vivendas "cando hai choivas".
Segundo explicaron, varios bloques de vivendas da Avenida Matos solicitaron a Viaqua a acometida para saneamento pero "a día de hoxe, dita concesionaria, non resolveu sobre a citada solicitude, que aínda segue en espera de tramitación e execución por parte dos servizos municipais".
"Mentres tanto, séguense sufrindo inundacións en vivendas", segundo aseguran os afectados que o próximo día 11 de abril darán máis detalles nunha comparecencia no local da Asociación de veciños Ponte Muíños.