Millón e medio de euros para humanizar Almirante Matos e a Rúa do Cruceiro
Por Alejandro Espiño
Ao barrio de San Roque chegará a próxima actuación de reforma urbana na que traballa o goberno municipal de Pontevedra. Será coa rehabilitación integral de Almirante Matos, a Rúa do Cruceiro e as súas vías contiguas, as rúas Monteleón e Fonte do Corvo.
Con este proxecto, no que o Concello prevé investir máis de 1,44 millóns de euros, o executivo local pretende que toda a zona entre Paseo de Colón e As Corbaceiras se integre no modelo urbano e os seus residentes teñan unha "maior calidade de vida".
Así o destacou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que subliñou que o eixo desta actuación será converter a rúa Almirante Matos nunha vía de plataforma única, cambiando o seu aspecto desde a praza de touros ata a súa confluencia coa Rúa da Barca.
Esta será unha reforma integral que incluirá a renovación de todas as redes de abastecemento, saneamento, pluviais e iluminación e que apostará por mobiliario urbano de "quilómetro cero", avanzou o edil do BNG, deseñado e elaborado en Pontevedra.
Haberá bancos en forma de U e papeleiras creadas pola empresa Edigal e, para a iluminación, propoñerase un tipo de farol deseñado por Setga, con tecnoloxía LED e que, segundo Gómez, ofrecen un maior rendemento enerxético e unha mellor eficiencia.
Toda esta contorna contará ademais con diversos pavimentos en función da zona, entre os que haberá baldosas para as beirarrúas, lastro, formigón e laxas de "ecogranito", elaboradas con materiais reciclados e sen ningún tipo de químicos na súa elaboración.
Demetrio Gómez detallou que o tramo de Almirante Matos entre Víctor Said de Armesto e a rúa Monteleón, manterá un carril de circulación cun pavimento de formigón que o distinga do resto da vía. Haberá ademais zonas de estancia arborizadas.
Os aparcamentos pasarán a estar reservados para servizos e, unha vez terminada a obra, acordarase coa Policía Local e os veciños, o seu sentido de circulación.
O resto de Almirante Matos, ata a Rúa da Barca, terá plataforma única.
En Fonte do Cano, pola súa banda, manteranse as escaleiras debido a súa pendente, pero mellorarase a súa estética mediante formigón e baldosa, deixado "todo o que se poida" o pavimento orixinal pola súa relación coa Pontevedra mariñeira "que queremos rescatar".
O punto máis complexo desta actuación de reforma urbana será o túnel que pasa por baixo da ponte da Barca. Para solucionar os problemas de escuridade e pouca seguridade, sobre todo para as mulleres, forrarase todo o túnel co mesmo material das fachadas ventiladas.
É dicir, segundo explicou Demetrio Gómez, terá placas de "composite" lacadas en branco, o que permitirá que coa nova iluminación que se instalará na zona, aumente a luminosidade do túnel. Ademais, manterase a visión de parte da pedra desta infraestrutura.
Seguindo o trazado da rúa, as obras concluirán na Rúa do Cruceiro, que se converterá nunha praza pública "de enorme calidade urbana", asegurou o responsable municipal de Obras, refacendo as escaleiras que soben á ponte e poñendo en valor o seu cruceiro.
Toda esta actuación completarase coa mellora de todas as zonas verdes e xardíns do barrio, buscando que o seu mantemento posterior sexa o máis cómodo posible.