Condenan un pontevedrés por chamar "zorrón" a súa ex muller
Por Redacción
Un pontevedrés foi condenado como autor dunha falta de aldraxes por chamar "zorrón" á súa ex muller a través dunha mensaxe de texto.
A sentenza do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra considera probado que o home enviou un sms ao teléfono da súa antiga parella ás 22.10 horas do luns 14 de maio de 2012 no que lle profería ese cualificativo despectivo.
O fiscal non formulou acusación contra este pontevedrés, pero si a denunciante. Finalmente, o xulgado condenouno a catro días de localización permanente e ao pagamento das costas do xuízo e cualifica esa aldraxe como unha falta de violencia doméstica e de xénero.
O condenado mostrou a súa desconformidade coa sentenza e recorreuna. O caso chegou á Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, que, tras revisar a sentenza condenatoria, decidiu desestimar o recurso e ratificar a condena.
A sentenza da Audiencia considera que "existe proba abondo" para a condena e aínda que as manifestacións das partes son contraditorias "outórgase maior credibilidade ás manifestacións da denunciante", tendo en conta que o propio denunciado fai constar que de luns a venres é el quen ten a dispoñibilidade do teléfono móbil dende o que se enviou a mensaxe.