Pontevedra aprende como mellorar a xestión empresarial a través da Nube de Google
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O próximo 9 de xaneiro celebrarase o I Cloudinar Pontevedra, a primeira edición dun seminario organizado pola Cámara de Comercio, Google Enterprise, Innolearning 2.0 e ASAC comunicacións para poñer a disposición do empresariado pontevedrés ás novas ferramentas de xestión que ofrece o 'cloud computing'.
O seminario, que será de balde, celebrarase a partir das 10.00 horas na sede cameral e permitirá coñecer ferramentas que están a revolucionar a forma de traballar nas empresas e que non soamente son un factor de innovación senón que ademais supoñen un importante aforro nesta época de crise.
O curso está destinado a profesionais de calquera sector que necesiten mellorar a súa produtividade na xestión administrativa e de comunicación da súa empresa e que estean interesados en aforrar en gastos de mantemento e adquisicións.
Durante o seminario expoñeranse, dun modo axeitado ao usuario medio, as capacidades e beneficios que as ferramentas de última xeración desenvolvidas por Google e outros desenvolvedores achegan ao traballo diario, facendo ver os seus beneficios e potencialidades, achegando valor ao traballo diario. Insistirase en características clave como a dispoñibilidade total, o concepto multiplataform, as capacidades de comunicación e coordinación así como a capacidade colaboradora.
As novas tecnoloxías e servizos 'na nube' están a cambiar a forma de traballar o día a día da empresa achegando solucións versátiles e prácticas para a xestión individual e compartida de actividades diarias como calendarios, correos, documentos, e calquera aplicación que se utilice na empresa.
O uso da nube como sistema de aloxamento permite que a empresa xa non necesite dispoñer de potentes servidores propios, nin ordenadores cada día máis potentes, cos conseguintes custos de adquisición, mantemento, seguridade ou licenzas de software.