Massouda Kohistani, activista afgá: "Os talibáns non respectan nin os dereitos máis básicos das mulleres"
Por Redacción
Massouda Kohistani é unha muller afgá, refuxiada en España desde agosto de 2021 tras a chegada ao poder do réxime talibán en Afganistán, que pasou este martes por Pontevedra.
Esta activista e defensora dos dereitos humanos está en Galicia, da man de Aministía Internacional, para denunciar que os talibáns, aos que definiu como "terroristas", non respectan "nin os máis básicos dereitos das mulleres".
A pesar diso, engadiu Kohistani, "piden negociar esixindo que se respecte a súa cultura e ideoloxías, algo imposible cando din que o noso papel está na casa ou baixo terra".
"Calquera organización que vaia negociar será unha perda de tempo porque non obterá nada, e a única solución, aínda que non me gusta a guerra, é enfrontarse a eles e loitar", asegura.
Tras solicitar que a comunidade internacional apoie ás milicias que se opoñen a este réxime, a activista reiterou que os talibáns "matan, violan, obrigan a matrimonios forzosos con nenas e a migracións forzosas, realizan xenocidios e asasinan os soldados do anterior réxime".
Cébanse especialmente coas mulleres, "que non teñen dereito nin a ter negocios no interior das súas casas, que estaban dirixidos sobre todo a outras mulleres, porque non queren que teñan interacción entre elas".
As mulleres que protestan, denunciou Massouda Kohistani, "son arrestadas, violadas e asasinadas", e malia iso a xente non cala "porque non protestar significaría aceptalos como gobernantes".
No seu país, Kohistani formaba parte de movementos a prol dos dereitos das mulleres o que a converteu nun obxectivo vulnerable para o exército talibán.
As ameazas de morte, que acabaron coa súa saída de Afganistán, chegaron despois de que convocase a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder, poñendo en risco a súa integridade, e de que participase no apoio ao proceso de evacuación.
Para Carmela Silva, esta muller converteuse "nun orgullo e nunha referencia" para todo o mundo, porque "hai que ser moi valente para erguer o peso da bandeira da loita polas mulleres afgás".
Tras mostrar o apoio da Deputación a esta causa, Silva defendeu que "o mundo ten que estar do teu lado e hai que facer moito máis do que se está facendo", porque entende que apoiar as súas reclamacións "é unha obriga política, ética e de valores".
"Como filla e neta de mulleres que viviron nunha ditadura e non tiñan dereitos, que sufrían violencias machistas e nin a lei as protexía, son moi consciente da situación que viven", subliñou a presidenta provincial, que remarcou que Europa "non pode mirar cara a outro lado".
A recepción da presidenta da Deputación de Pontevedra foi unha das paradas da súa visita a Galicia da man da ONG Amnistía Internacional, que incluiu outra recepción no Concello e que remata esta tarde cunha conferencia pública na Casa das Campás, ás 18:00 horas.