Unha feira 'Made in Pontevedra' para esperar os Reis
Por Redacción
A Feira de Artesanía, Pontenadal, supón un recurso moi socorrido para numerosos pontevedreses faltos de ideas á hora de facer un regalo, ou simplemente, para aqueles que deixan todo para o último minuto.
ÿ unha aposta segura dada a orixinalidade e o talento dos artesáns que se dan cita baixo a carpa instalada na Praza do Teucro.
Artigos de todo tipo de artesáns de diferentes cantos da provincia que ofrecen propostas como bixutería creativa, obxectos de cerámica, de madeira, de coiro, prata india e tailandesa, roupa de nenos, material de libraría feito a man, bonecos de trapo, pintura téxtil, acuarelas, casas de bonecas, pirogravado, instrumentos musicais, obxectos de cera, perfumaría artesanal e escultura, entre outros moitos produtos nun total de 34 expositores.
Pontenadal cumpre ademais cun requisito básico, dispón do regalo perfecto para presupostos axustados. A variedade é necesaria cando non se ten claro e máis con pouco no peto. Xusto iso é o que se pode encontrar quen se achegue estes días, e ata a madrugada do 5 de xaneiro, por este mercado do Nadal.
Aínda que é un aliciente máis para darse un paseo pola zona monumental, ao igual que acontece nas tendas, a presenza de clientes dispárase, sobre todo, nas xornadas máis próximas ao día de Reyes, o mesmo que aconteceu en Noiteboa.