Mulleres Salgadas premia a Dula Piñeiro, unha mariscadora e "guerreira" comprometida

Por Redacción
Os III Premios Mulleres Salgadas recoñeceron a Dula Piñeiro, veciña de Vilanova que leva 34 anos dedicándose ao marisqueo a pé tralo seu paso por unha fábrica de conservas.
Estes galardóns son outorgados pola Asociación Mulleres Salgadas, a única en Galicia formada por profesionais femininas que traballan no mar.
O acto de entrega tivo lugar este luns na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, e contou coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, así como representantes de colectivos pesqueiros, persoal investigador e parlamentarias galegas.
O premio é a figura ‘Mar Peixeira’ de Sargadelos e supón un recoñecemento que fai a provincia de Pontevedra ás mulleres do mar, comprometidas coa súa profesión, coa calidade das materiais primas e tamén coa sostibilidade do planeta.
Carmela Silva sinalou "a fortaleza das mulleres do mar, representadas pola figura de Dula Piñeiro, unha muller brava e traballadora que merece o maior dos recoñecementos".
A presidenta agradeceu "a iniciativa da Asociación Mulleres Salgadas "por darlle visibilidade ás mulleres do mar, loitadoras e comprometidas co seu sector, coa calidade dos nosos produtos e coa sostibilidade do mar", e que ademais "son sinónimo de unión e de sororidade, porque traballando unidas é como se conseguen os avances".
A homenaxeada remarcou ao recoller o premio que "as mulleres do mar somos as científicas mariñas, as que vemos se hai mortaldade, os vertidos… Somos as que sufrimos co mar, as que vemos que cada ano desaparecen especies e aparecen outras invasoras que lle sacan o espazo ás nosas, máis débiles. Somos moitas e temos deberes pero tamén dereitos e teñen que dárnolos".
Por iso esta "mariscadora e guerreira", como así se autodefine Dula Piñeiro, asegurou que "case quedo sen alento cando souben deste premio" e agradeceu "a todas as persoas que me dan ánimo e me din que siga e que valgo. Sempre me considerei unha pouca cousa, e ensináronme que valgo, que son única, que todas as persoas temos os nosos dons e temos que ensinalos".
Especialmente detívose en María José Vales, antiga patroa maior de Vilanova, á que deu as grazas "por ser a máis valente, a propulsora do cambio no noso mundo".
Dula Piñeiro lembrou que os seus inicios como mariscadora están marcados pola sobreexplotación, a falta de control e tamén a precariedade e a conflitividade previas á regularización do marisqueo en Galicia, así como a discriminación cara ás mulleres ao considerarse a súa actividade como un complemento e non un emprego.
Na actualidade Dula Piñeiro valora moito o seu traballo e a liberdade que ofrece, malia que asegura botar de menos un maior compromiso social e ambiental por parte das persoas que viven preto da costa e denuncia os vertidos e a contaminación no mar, que provocan que o marisco morra, non medre e apenas teña rexeneración.
Pola súa banda a presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez Ordóñez, puxo en valor o apoio prestado pola Deputación e tamén agradeceu "a todas as mulleres e homes polo esforzo de estardes aquí, porque houbo que madrugar moito polas mareas". Gómez gabou a homenaxeada, Dula Piñeiro, "pola súa vontade de traballo, o seu esforzo no ben común e a súa implicación na defensa do sector do mar e do marisqueo como medio de vida".
A presidenta do colectivo salientou que Piñeiro dese o paso nas pasadas eleccións das confrarías: "que as mulleres se presenten é moi importante para nós porque implica empezar a dar pasos para conseguir unha representación máis xusta e formar parte dos órganos de decisión sobre o noso traballo".
Relacionadas:
-
O ciclo de contacontos "Vivencias de Muller" inicia en Viñas a súa xira polos colexios de Poio
Por Redacción |
-
A lei do 'só si é si' será abordada este mércores no Faladoiro Feminista
Por Alba Feijoo Alonso |
-
'Atlánticas. Mulleres do Nordés', de Viki Rivadulla, poderá verse no Palacete das Mendoza ata o 30 de marzo
Por Redacción |
-
8M | Mariscadoras a pé: elas son máis, pero tamén deciden máis?
Por Redacción |