
© Cristina Saiz
Rosa María Calaf, ovacionada no peche dunha exitosa edición de 'As mulleres que opinan son perigosas'

© Cristina Saiz

© Cristina Saiz

© Cristina Saiz
"Na túa crónica de onte encantoume a túa gravata", esta era a fórmula que a xornalista Rosa María Calaf utilizaba cos seus compañeiros de RTVE para contestarlles cando lle facían algún comentario sobre a roupa que ela utilizaba nas súas aparicións en pantalla. Era a estratexia para combater os micromachismos aos que se enfrontaba profesionalmente esta histórica correspondente, referente do xornalismo con 25 anos cando iniciou unha dilatada carreira ofrecendo as súas crónicas televisivas desde 93 países.
Calaf foi a encargada de pechar a sexta edición de 'As mulleres que opinan son perigosas', celebrada no Teatro Principal durante dúas xornadas con centos de persoas, maioritariamente mulleres que ocuparon durante todas as sesións as butacas do recinto pontevedrés.
"Sobre a situación das mulleres, nas miñas viaxes polo mundo teño visto que no único que hai igualdade é na desigualdade de xénero", afirmou Rosa María Calaf explicando que a comunicación ten unha óptica masculina pero indica que "a narrativa bélica transformouse desde a entrada das xornalistas. Visibilizamos o papel fundamental das mulleres, que evitan o colapso da súa contorna cando estala unha guerra".
Na súa conversación coa xornalista Susana Pedreira, que con Diana López, son as impulsoras deste encontro referencial que visibiliza a necesidade dunha maior presenza da muller nos medios de comunicación e en cargos de responsabilidade, a correspondente catalá insistiu en que este foro debe transmitir que "non é contra os homes, senón a favor de todos, que é necesario contar coas capacidades e os esforzos de toda a sociedade e non só da metade".
Apuntou tamén que "a mirada feminina non é nin mellor nin peor, é distinta; e grazas a ela vemos a totalidade do mundo. Temos espazos repletos de invisibilidade", concluíu nunha intervención na que recibiu unha sonora ovación cando ao escenario subiron todas as mulleres que fixeron posible o desenvolvemento da edición destas xornadas.
Previamente, as xornalistas Paula Montes e Laura Ferrero ofreceron a súa visión sobre a presenza das mulleres nos medios de comunicación. Tamén a xornalista e articulista María Martín ofreceu unha clase maxistral sobre a linguaxe inclusiva e non sexista afirmando que na comunicación se invisibiliza ás mulleres ou son nomeadas de maneira discriminatoria, engadindo que "se queremos cambiar a lingua, temos que cambiar as regras" advirtindo que "o que me deixa no mesmo lugar no que estaba, nunca é revolucionario".
Todas as intervencións permanecen dispoñibles na canle de Youtube da Deputación de Pontevedra.
Intervención de Rosa María Calaf no encontro de 'As mulleres que opinan son perigosas' 2023
A coñecida xornalista de RTVE que foi correspondente en Estados Unidos e Asia-Pacífico, entre outros puntos do mundo, falaba neste encontro celebrado no Teatro Principal de Pontevedra
© Cristina Saiz
Relacionadas:
-
Arranca o encontro 'As mulleres que opinan son perigosas', un foro único no Estado
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Trece mulleres "deslinguadas" dispostas a predicar coa palabra
-
"A nosa voz, o noso espazo. Os nosos dereitos", lema da Deputación na "intensa" programación do 8M
Por Oskar Viéitez |
-
Mara Torres e Rosa María Calaf liderarán a sexta edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Alba Feijoo Alonso & Mónica Patxot |