![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f3f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6411b05a95-20230315-patxot-inspectores-de-pesca-1418.jpg)
© Mónica Patxot
Convocan folga de persoal de Inspección de Pesca Marítima ante a imposición dun sistema de "ultradispoñibilidade" horaria
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/940/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6411b0091d-20230315-patxot-inspectores-de-pesca-1419.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/efa/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6411b06d7c-20230315-patxot-inspectores-de-pesca-1422.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7b0/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6411b0b877-20230315-patxot-inspectores-de-pesca-1421.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/37d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6411b0d493-20230315-patxot-inspectores-de-pesca-1420.jpg)
© Mónica Patxot
Un grupo de inspectores de pesca marítima (IPM) concentrábase este venres diante da Subdelegación do Goberno para anunciar a convocatoria dunha folga do persoal o martes 28 de marzo.
O motivo desta decisión atópase na nova instrución de horarios para inspectores de pesca que quere establecer o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que, tal e como figura no borrador presentado, a maioría de sindicatos non están dispostos a asumir. Representantes de CIG, ELA, CSSIF e CCOO rexeitan a proposta e só UXT non apoia as reivindicacións.
Xosé Ríos, asesor da CIG na mesa delegada de negociación, afirmaba que o Goberno pretende establecer un sistema de "ultradispoñibilidade" para o persoal por unha "cantidade que debe ser tan irrisoria que non a amosan. Queren que asinemos un cheque en branco", afirma o representante sindical.
Pola súa banda, Manuel Ríos, inspector de pesca e delegado de CSIF, indica que este colectivo realiza o traballo de vixilancia nos peiraos e a bordo dos barcos para medir capturas, aparellos, palangres e atender diferentes cuestións técnicas relacionadas coa actividade pesqueira.
Destacan a importancia de que se fomente a conciliación familiar e explican que non saben cantos meses se verían obrigados a estar a disposición e "pendentes do teléfono" as 24 horas do día. Afirman tamén que o Ministerio ten intención de que este cambio de dispoñibilidade horaria entre en funcionamento nun breve prazo de tempo.
Ademais, alegan que non entenden que o Goberno pretenda recruar as inspeccións ao sector pesqueiro cando o Ministerio que lidera Luís Planas presentou recursos ao regulamento europeo dos fondos de pesca.
Na provincia hai 16 inspectores, mentres que en Galicia son 30 e 167 en todo o Estado. Realizan controis e inspeccións que unicamente son obrigatorias no caso de buques de terceiros países, principalmente aqueles que faenan en augas da NAFO e barcos de pavillón do Reino Unido.
Convocatoria de folga por parte dos inspectores de pesca marítima
Xosé Ríos, da CIG, e Manuel Ríos, de CSIF
© PontevedraViva