Lores nunha avícola, Louzán faenando e Moreira como camareiro, reclamos de AJE para o seu calendario solidario
Por Redacción
O calendario solidario da Asociación Novos Empresarios (AJE) 2014 ofrece imaxes tan curiosas como a da concelleira Carlota Román con auriculares igual que se se tratase dunha integrante máis dun grupo de música local; o presidente da Deputación, Rafael Louzán, coa auga polos xeonllos rodeado de mariscadoras de Pontevedra; o tenente de alcalde, Antón Louro, vestido cun mono de traballo dun taller mecánico; o concelleiro Jacobo Moreira coa chaqueta dos camareiros do Carabela ou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores vestido con bata e gorro de plástico nas instalacións dunha avícola.
Son fotografías que mostran a numerosos políticos locais como o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizando actividades entre distintos grupos profesionais.
O alcalde e o voceiro municipal do Partido Popular participaron na presentación deste calendario e Lores indicou, entre risas, que "saíu máis guapo Moreira ca min". E engadiu que o pasara moi ben na avícola aprendendo sobre o traballo que se realiza cos polos e como se aproveita todo deste animal. Para Jacobo Moreira foi tamén toda unha sorpresa a sesión fotográfica: "Me citaron en el Carabela pero no sabía para qué", apuntou Moreira.
Dende AJE agradeceuse a colaboración de todos os políticos e especialmente aos efectivos do Parque de Bombeiros de Pontevedra por prestarse a esta proposta a pesar de que eles non participan, normalmente, neste tipo de iniciativas.
A asociación empresarial vai realizar unha dobre tirada de 5.000 exemplares a un prezo de 5 euros. O que se obteña con este calendario irá destinado a alimentación infantil, a través do comedor de San Francisco e doutras entidades benéficas.