Os propietarios forestais da provincia de Pontevedra facturaron 43 millóns de euros no 2022, un 25% máis que o ano anterior
Por Redacción
O sector forestal vive un dos mellores momentos das últimas décadas, con altos prezos da madeira, tanto en piñeiro como en eucalipto, que animan as cortas.
Así, os propietarios forestais da provincia de Pontevedra aumentaron a súa facturación en máis dun 25% durante o 2022, ano no que ingresaron 43,6 millóns de euros pola venda de madeira (Prezos de madeira en pé, sen Ive e con casca), segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, en base ós datos de corta da Consellería do Medio Rural.
A Asociación Forestal de Galicia asegura que do total de facturación da provincia, 21,4 millóns corresponden ó piñeiro, 20,9 ó eucalipto e 726.000 euros ás frondosas caducifolias, que apenas teñen aproveitamento industrial, máis alá do seu uso para leñas domésticas.
Pontevedra mantense como a terceira provincia da comunidade en cortas, con 1,3 millóns de metros cúbicos cortados no último ano por propietarios privados (montes veciñais e propietarios particulares), o que representa un 12% das cortas de toda Galicia. Lidera a clasificación A Coruña (4,7 millóns de metros cúbicos), seguida de Lugo (4,2 millóns) e pecha a táboa Ourense (414.000 metros cúbicos).
Caldas – Salnés encabeza a clasificación en facturación por tala de eucalipto
Tanto Pontevedra como Lugo destacan por manter un certo equilibrio por especies en canto a cortas, pois en Pontevedra taláronse 625.000 metros cúbicos de piñeiro e 677.000 de eucalipto. Similar equilibrio presenta tamén Lugo, coas coníferas lixeiramente por diante do eucalipto, en tanto na Coruña máis do 75% das cortas corresponden ó eucalipto. En Ourense sucede o contrario, preto do 75% das cortas son de piñeiro.
Por Distritos Forestais, na provincia de Pontevedra, o Deza – Tabeirós/Terra de Montes é líder provincial na facturación por corta de coníferas, en tanto Caldas – Salnés encabeza a clasificación en eucalipto.