O Mercado de Portonovo estrea nova área comercial para froitas e hortalizas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
41.000 euros investíronse nas últimas semanas no Mercado Municipal de Portonovo nunha serie de obras de mellora acometidas polo Concello de Sanxenxo. Os traballos realizados tiveron como obxectivo dotar de sombra ao espazo interior no que se atopa emplazada a sección dedicada a froitas e hortalizas mediante a colocación dunha celosía.
Debido ao impacto na paisaxe urbana da nova fachada e á necesidade de empregar materiais que non acusen un rápido envellecemento derivado do ambiente mariño, a Administración local optou por combinar vidro e aluminio, creando unha fronte composta por paneis de 5+5 con láminas de cor e opacas.
Para evitar o oscurecemento total da área de venda, deixáronse unhas aperturas verticais na composición, á vez que o plano horizontal da cuberta resolveuse con lamas de aluminio inclinadas sobre unha subestrutura do mesmo material. Esta intervención incluíu así mesmo a construción dun novo almacén na zona de acceso con acabado en panel de aluminio tipo composite anodizado natural.
Para levar a cabo esta actuación, o Goberno local solicitou unha subvención á Consellería de Economía e Industria, que foi aprobada por unha contía do 75% do orzamento de execución. Á próxima convocatoria destas axudas, o goberno municipal presentará a reforma do Mercado de Sanxenxo e, en caso de non obter o apoio autonómico, efectuaraa con cargo a fondos municipais.
De feito, os servizos técnicos do Concello de Sanxenxo están redactando actualmente o proxecto relativo á reforma do segundo piso da Praza de Abastos de Sanxenxo, co fin de reorganizar as bancadas de verduras. A iso engadirá o acondicionamento dun local existente, o que favorecerá que o mercado dispoña dun área dedicada á venda de produtos cociñados.