![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/52bc398c8d200-img_4569.jpg)
CC BY-NC-SA Guardia Civil de Pontevedra
Rescatan un can atrapado a 40 metros de altura nunha canteira de Meis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un can de caza caeu o 23 de decembro nun saliente dunha canteira de Lantañón, en Meis, e quedou atrapado a 40 metros de altura. Puido encontrar un tráxico final, pero un rechamante dispositivo de rescate permitiu á Garda Civil salvalo a vida.
Todo comezou na tarde do día 23 e o final feliz chegou na mañá do 24 de decembro, día de Noiteboa. A Guardía Civil tivo constancia do acontecido o luns e a patrulla do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Vilagarcía desprazouse ao lugar e encontrou o can. Estaba a uns 40 metros de altura e, ademais, nunha zona de difícil accesibilidade.
Nese momento activouse un dispositivo co fin de poder rescatalo, dando aviso a Protección Civil de Portas e aos Bombeiros do Salnés, que acudiron ao lugar para poder comprobar e estudar a posibilidade de levar a cabo o rescate. Ambos os dous declinaron a súa actuación por carecer de medios apropiados para iso.
Descartada esta posibilidade, o Seprona púxose en contacto coa empresa Plataformas Aéreas A. Piñeiro de Caldas de Reis, que dispón dun guindastre con plataforma apropiada para esta circunstancia.
Aínda así, e debido a que xa era de noite e que as condicións meteorolóxicas eran desfavorables, aprazouse o rescate para as 9.00 horas da mañá seguinte. Era xa o día de Noiteboa e comezou o rescate. Para poder facelo posible, un axente do Seprona de Vilagarcía subiu á plataforma, provisto dunha lanza con lazo, xunto con persoal da empresa.
Tras uns tensos momentos, debido ás malas condicións climatolóxicas existentes (estaba a azoutar o temporal Dirk), conseguiron rescatar ao animal e poñelo a salvo.