Adolescentes do Grove convértense en locutores de radio para loitar contra as inxustizas
Por Redacción
Un grupo de case 80 alumnos de 3º e 4º da ESO do IES As Bizocas que participan este ano no proxecto de educación en valores "Activistas polo mundo que queremos" gravarán este martes varios programas de radio para loitar contra o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+.
En obradoiros anteriores aprenderon o que significa ser unha persoa activista tanto en Galicia coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo.
Agora, como se fosen auténticos xornalistas, tras investigar e facer os guións das súas reportaxes, locutarán e gravarán os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social.
Así o alumnado de O Grove súmase aos case 600 mozos que dende Pontevedra, Vigo, Oleiros e Coristanco participan este ano na 10º edición de "Activistas polo mundo queremos".
Este é un proxecto de educación para a cidadanía global que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) coa colaboración de Feitoría Verde e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
"Activistas polo mundo que queremos" forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Relacionadas:
-
Ribadumia mergúllase no mes da diversidade sexual
Por Redacción |
-
Máis de 300 estudantes de Pontevedra únense ao proxecto 'Activistas polo mundo que queremos'
Por Alba Feijoo Alonso |
-
As 'Defensoras de Dereitos' volven por terceiro ano con dous novos libros e máis actividades na provincia
Por Redacción |